Thursday 16 de May de 2024

O PSOE de Ordes lamenta o rexeitamento do PP ás emendas aos Orzamentos e insta ao PP local a pronunciarse sobre este novo castigo da Xunta


Preguntan se os populares están de acordo con que non son precisos investimentos como o ascensor do IES nº 1 ou o arranxo dos depósitos de auga que abastecen á vila de Ordes

A Agrupación Socialista de Ordes lamenta profundamente que, por quinto ano consecutivo, o Partido Popular castigue aos veciños e veciñas de Ordes sen ningún tipo de investimento, logo de rexeitar todas as súas emendas ao proxecto de Orzamentos para 2015. O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, asegura que “xa non é sorpresa ningunha que a Xunta de Galicia volva a actuar de xeito partidista e a castigar aos municipios que non teñen un Goberno do Partido Popular, pero gustaríanos coñecer se o PP ordense tamén comparte esta decisión”.

Para o voceiro municipal socialista, “non é de recibo que o PP se opoña por sistema a todo o que se lle presente dende Ordes e incluso prefira seguir incumprindo a Lei a facer un investimento no municipio”. Xesús Pedreira refírese en concreto ao rexeitamento por parte do PP dun investimento de 7.000 euros para poñer en marcha un ascensor no IES nº 1 de Ordes. “É vergoñento que por razóns políticas se lles negue aos estudantes un ascensor ao que, segundo consta nas leis que dictou a propia Xunta, teñen todo o dereito”, lamenta Xesús Pedreira.

Así mesmo, o voceiro socialista lamenta especialmente o novo rexeitamento á mellora da estación de tratamento de auga potable de Ordes. “Podemos entender que non se poden aprobar todas e cada unha das nosas peticións, pero que se volva a negar o arranxo da instalación que garante o abastecemento de auga á vila de Ordes cando presenta fendas que fan temer pola súa integridade é unha vergoña. E gustaríanos saber se o PP local tamén considera que garantir que os veciños de Ordes teñan auga non é unha prioridade, tal e como acaban de por de manifesto os seus compañeiros de partido no Parlamento de Galicia”, pregunta Xesús Pedreira.